O río que nos move

En canoa polos 317 Km do Pai Miño

O río Miño é máis ca un curso de auga. Nace na serra de Meira e percorre 317 quilómetros ata entregarse ao Atlántico ao pé do monte Trega, atravesando boa parte de Galicia, camiño no que modelou paisaxes e deu vida, riqueza e costumes. Polo seu caudal e traza sobre o mapa, os primeiros galeguistas viron nel un símbolo, ao que designaron Pai Miño.

En 1985, cinco mozos do Baixo Miño decidiron descubrir ese río dende dentro. Construíron unhas canoas e puxeron rumbo á aventura, para concluír a primeira baixada completa e probablemente aínda única. Aquela travesía convértese agora nun proxecto expositivo con mostras en oito concellos significativos, de abril a novembro de 2026, que recuperan a memoria da viaxe e invitan a mirar cara ao noso gran río: o seu estado e valores que nos ofrece. No tempo dos camiños e camiñantes, a do Pai Miño é a gran ruta por descubrir.

Do 1 ao 28 de abril

Espazo Cultural O Centro

O descenso comeza cun ascenso ao periglaciar do Pedregal de Irimia, o río de pedras debaixo do que abrollan as primeiras augas do Miño, unha paisaxe que impacta a quen na escola memorizara outra nacenza.
Alí o río acabado de nacer non dá para botar as canoas e facémolo en Fonmiñá, aproveitando o aporte da lagoa. Aínda así, a espesura da cicuta imposibilita a navegabilidade e os remos teñen que usarse coma fouces, un traballo agotador despois de quilómetros de sega e arrastre das canoas -de 120 quilos de peso cada unha-, ás que hai que elevar sobre árbores que cruzan o río nese primeiro treito da Terra Chá.

A exposición ábrese na praza de Meira na véspera da Semana Santa, celebración alí especialmente significativa e na que ten un papel destacado a confraría Nosa Señora do Pedregal.

Na inauguración participarán os protagonistas do descenso, entidades que apoian o proxecto e, entre outros, o catedrático da USC Francisco Rodríguez Lestegás, compañeiro de Francisco Javier Río Barja (1919-2011), quen asentou cientificamente o disputado lugar de nacenza do Pai Miño.

Do 8 ao 31 de maio

Vello Cárcere

Antes de Lugo, topamos co gran caneiro do Piago, que forma unha piscina natural e unha fervenza. Salvámola guiando as canoas con cordas pola beira. Por gardar menos precaución, outra fervenza daranos o primeiro susto serio.

Lugo mantén unha estreita relación co Miño dende a época romana, cando se construíu a ponte que permitía comunicar esta parte da antiga Gallaecia co resto do Imperio. A mostra ábrese preto da muralla, nas celas da sección de mulleres do Vello Cárcere, prisión hoxe recuperada como centro cultural e espazo expositivo.

Na inauguración celebrarase un coloquio, moderado polo xornalista e integrante da expedición Rafael Cid, no que participarán Ángel Villar, ‘Chilares’, pioneiro do piragüismo en Lugo e olímpico en México 68; Antón Castro, gran coñecedor do río que en 1982 descendeu o Miño dende Lugo con outros futuros membros de Fuxan os Ventos; unha representante de ADEGA, que exporá o Proxecto Ríos, de divulgación; o xornalista Afonso Eiré, autor do libro Belesar. O orgullo de España; e un representante de Naturgy, a empresa que explota hidroelectricamente o Miño.

Do 4 ao 30 de xuño

Pazo Xeneral Paredes

En Portomarín a mostra adquire un significado especial, ao tratarse de parada obrigada do Camiño de Santiago. Alí coincidimos os daquela escasos peregrinos de terra cos aínda máis raros do río.

Portomarín ten unha historia marcada polo Camiño, o Miño e o asolagamento da vila medieval pola presa de Belesar, no seu momento a máis alta de Europa, de 130 metros, que os viaxeiros do río tivemos que salvar transportando as canoas a man.

A exhibición da mostra coincidirá coa decisión que nesas semanas tomará a Unesco sobre a candidatura da Ribeira Sacra –na que se encadra Portomarín– como Patrimonio da Humanidade. Un coloquio reunirá os representantes das deputacións de Lugo e Ourense, Turismo de Galicia, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e de Naturgy, como xestora de encoros integrados nesa área de especial valor paisaxístico e cultural.

Do 25 de setembro ao 19 de outubro

Liceo de Ourense

Cada xornada comeza cedo, cun almorzo hipercalórico para un mínimo de dez horas de remada e transporte de canoas. Avanzamos devagar polas augas do Cabo do Mundo, imposibilitados para apreciar a beleza que ese gran meandro só ofrece dende unha perspectiva aérea, e arribamos ao muro dos Peares. O camión de servizo da central axúdanos a trasladar as canoas abaixo da presa, pouco antes da entrada do Sil pola esquerda, cun ímpetu que desequilibra as embarcacións (O Sil leva a auga…) e nos resta atención á ‘eiffeliana’ ponte do ferrocarril que vén co Sil e cruza ao Miño.

Atopámonos na metade do descenso cando chegamos a Ourense, a cidade das pontes.
A mostra ábrese no Liceo, entidade centenaria situada nun palacio renacentista do casco histórico. Este espazo privilexiado acollerá parte das actividades previstas para a parada da mostra en Castrelo, debido ás limitacións alí da sala de exposicións.

No Liceo lembrarase a construción do encoro de Castrelo, en 1969, que provocou un forte conflito social e político nos últimos anos do franquismo. Participará unha protagonista daqueles sucesos e interpretarase o Romance de cego de Castrelo de Miño, composición de denuncia creada de maneira anónima para evitar a censura.

Do 20 de outubro ao 9 de novembro

Casa do Concello

Chegados á presa, unha emerxencia nas turbinas ocupa os responsables e mecánicos que poderían axudarnos co todoterreo da empresa a transportar as canoas río abaixo. Así que decidimos facelo pola nosa conta. O leito do río está preto, pero ao fondo dun noiro de penedos duns 30 metros de alto.

Nunha manobra propia de alpinismo, montamos unha cordada coa que baixamos as canoas e da que nos servimos para nós subir e baixar. Sen equipo de apoio, o descenso do Miño danos para despregar unha ampla gama de destrezas e estratexias.

Do 2 ao 23 de setembro

Área Panorámica

A partir de Frieira, sen presas que remansen a auga, o río vai louco entre rápidos, remuíños, penedos e pesqueiras. Para Río Barja é un curso ‘atormentado’; para Otero Pedrayo, un ‘río heroico’. Aí as canoas gañan velocidade, coas correntes cruzadas cambian de dirección a cada pouco e poden afundir nesa vintena de quilómetros perigosos. Envorcar, varias veces, era inevitable.

En ocasións extremamos as precaucións e trasladamos as embarcacións a través das pesqueiras da lamprea.

Sen encoros, o río faise dono do seu leito primitivo. En Frieira puideramos comprobar o crematorio do lixo arrastrado ata as comportas: botes de verniz dunha fábrica, peixes, cabras, porcos, sacos ateigados de coellos e pitos, detritos suficientes para cargar 150 camións ao ano. Cun deses vehículos e a axuda de empregados da central, pomos as canoas abaixo do muro de Frieira, a poucos metros da desembocadura do Barxas -ou Trancoso- no Miño. Ambos ríos marcan aí a divisoria, terrestre e fluvial, con Portugal.

Entre Tui e Valença, o Miño permítenos deternos a observar por abaixo a ponte internacional, daquela a única entre as dúas beiras. Facemos campamento ao pé dela, en territorio portugués.

En Tui celebrarase un coloquio sobre esa realidade transfronteiriza co responsable da Comandancia Naval do Miño, os alcaldes de Tui e Valença, que forman a Eurocidade Tui–Valença, o responsable do Arquivo Municipal tudense e un piragüista medalla de bronce en Los Ángeles 1984.

Do 23 de xullo ao 14 de agosto

Praza do Calvario e Casa do Concello 

A parada no Rosal ten un valor singular porque foi aí onde se soñou o descenso e se puxo a andar a expedición. O vello galiñeiro e a casa dos Carrera, ao pé do Tamuxe, último afluente galego do Miño, convértense en centro de operacións para o deseño e construción das canoas, con planos que Carlos localiza nunha librería especializada de Madrid e coa guía e consello de estaleiros de embarcacións de madeira.

A botadura da primeira das canoas faise con solemnidade, con proba de auga no Tamuxe e emoción de primeirizos.

Suso aporta os seus coñecementos de náutica e copia a papel cebola só os datos relevantes dos mapas oficiais do Miño. Sinala as poboacións para o aprovisionamento diario de víveres e cun curvímetro marca os quilómetros do curso do río.

A mostra ábrese na Casa do Concello, incluíndo unha das canoas, a outra estará no fondo do océano tras un naufraxio ocorrido meses despois da baixada do Miño, que puido acabar en traxedia.
O día de apertura, na praza proxectaranse fotografías sobre unha pantalla xigante comentadas polos integrantes do descenso e o acto pecharase coa actuación dunha sección da Agrupación Musical do Rosal.

Do 10 ao 30 de novembro

Casa dos Alonso (Concello)

A viaxe está a acabar. Para a última tirada é o ciclo das mareas quen nos marca a hora de saída, para aproveitar a baixante e remar axudados pola corrente cara á desembocadura. Os últimos quilómetros son un paseo polo esteiro saudando un territorio familiar, as illas, o Tamuxe, os estaleiros de madeira que orientaron na construción das canoas, casas e lugares contemplados agora acabando días de descenso e meses longos de preparación.

Ao fin, cinco mozos de aspecto deslucido pomos pé na praia do Muíño ante as miradas sorprendidas dos bañistas en tarde de domingo.

O choque das augas do río coas do mar e a amplitude da desembocadura fannos sentír seres diminutos da natureza, coa maxestuosidade do océano por diante e o Trega como marco natural do fin das terras de Galicia.

A mostra sobre esta aventura acóllea a Casa dos Alonso-Casa do Concello. Na apertura celebrarase un coloquio sobre estado e posibilidades do río, co director do Aqua Museu de Vila Nova de Cerveira, a Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM) e a AECT Rio Minho, de concellos galegos e portugueses.